Eduardo Blanco Amor

eduardo blanco amor

Eduardo Blanco Amor, penúltimo fillo dunha familia de cinco irmáns, naceu en Ourense o 8 de setembro de 1900. A súa infancia, marcada pola fuxida do seu pai —cando Blanco Amor contaba sete anos—, transcorre na cidade natal. Aos quince anos, en plena crise da adolescencia, foxe da casa camiño de Compostela, se ben esta escapada non ten consecuencias e regresa ao seu fogar. Comeza a relacionarse con Vicente Risco, Noriega Varela… e traballa como secretario de Dirección de El Diario de Orense.

Aos dezanove anos emigra á Arxentina. Na capital bonaerense asiste á Universidade e inicia o seu contacto co mundo da emigración galega. Traballa nun principio como empregado de banca, mais axiña comeza a súa actividade cultural, dirixindo diversas revistas da comunidade galega, ao tempo que se relaciona co ambiente literario arxentino e colabora no diario La Nación. Como corresponsal de prensa bonaerense, no 1929 viaxa a España. Realiza frecuentes visitas a Galicia, onde asina un manifesto nacionalista, e dous anos despois regresa á Arxentina. Comentarista de radio, xornalista e conferenciante, Blanco Amor publica o seu Poema en catro tempos e aparecen na revista Nós os tres primeiros capítulos dunha súa novela inacabada: A escadeira de Xacob.

De novo en España, como corresponsal de La Nación, entra en contacto cos poetas españois da xeración do 27, facendo amizade con Federico García Lorca. Blanco Amor corrixe e escribe o prólogo dos Seis poemas galegos do poeta andaluz.

No 1935 regresa a Arxentina e alí defende na prensa a causa republicana durante a guerra civil española. Remata esta, colabora cos exiliados en diversas actividades de oposición antifeixista, proseguindo o seu labor cultural galeguista e fundando o Teatro Popular Galego de Buenos Aires. Profesor eventual na Universidade do Uruguai e Chile, coñeceu e tratou a escritores coma Jorge Luis Borges, Leopoldo Lugones ou Rafael Alberti.

Tralo seu definitivo regreso a Galicia, a principios da década dos 60, Blanco Amor continúa o seu labor creativo na cidade das Burgas, e pasa tempo en Vigo, cidade na que había de morrer o 1 de decembro do 1979.

A primeira incursión literaria de Blanco Amor ten lugar no ano 1928, cando publica Romances Galegos, libro de poesía ao que lle seguirán Poema en catro tempos (1931) e, despois da guerra civil, Cancioneiro (1951). A poesía de Blanco Amor caracterízase polo emprego de formas e temáticas moi variadas, que van dende a estética do modernismo á linguaxe das vangardas e dende o tema do mar ata as composicións de intención social. O máis elaborado e homoxéneo —en canto a estilo e temas— dos seus libros é o Poema en catro tempos, especie de canto elexíaco pola morte duns mariñeiros. Organizado en forma de sinfonía (Adagio sostenuto, Scherzo adagio, Presto, Andante maestroso), remata cunha solemne marcha fúnebre polos mariñeiros mortos, idealizados coma heroes inmortais.

O teatro de Blanco Amor mostra un pulo renovador, un tanto afastado do teatro galego tradicional, e máis en consonancia coa produción dramática de Valle Inclán ou García Lorca. Farsas para títeres é un libro que reúne seis pezas imaxinativas, cun grande dinamismo e ateigadas de elementos fantásticos que contribúen a disolve-la súa incisiva sátira. A deformación grotesca da realidade, o expresionismo crítico e a mestura do tráxico co cómico, fan lembrar os esperpentos de Valle Inclán, mentres que a consciente falta de verosimilitude dos personaxes e o seu mundo conectan co teatro épico de Bertolt Brecht. Ademais, Blanco Amor introduce elementos do teatro do absurdo e emprega un humor irónico e retranqueiro, que xunto coas súas anteriores influencias dan lugar a pezas de indubidable orixinalidade dentro do panorama do teatro de posguerra. Teatro para a xente, un conxunto de catro obras e tres contos escénicos, segue os patróns das pezas anteriores.

A esmorga (1959), esta primeira novela de Eduardo Blanco Amor, publicada en plena madurez, é un clásico da literatura galega. Iníciase a obra cunha «documentación» onde o autor explica, empregando a primeira persoa, cómo chegou a obte-la información do que se relata a continuación: os sucesos ocorridos durante un día de esmorga ao Castizo, ao Bocas e ao Milhomes e o seu tráxico remate.

O relato propiamente dito está formado por cinco capítulos que seguen, que son unha transcrición das declaracións feitas por Cibrán, o Castizo, a un xuíz do que non se rexistran as intervencións —tal vez para subliña-lo feito da falta de comunicación da Xustiza, que tan só está para condenar—. Cibrán é, pois, o narrador dos sucesos acaecidos aos tres personaxes, desde o seu encontro ata a detención del mesmo pola Garda Civil, tralo asasinato do Bocas a mans do Milhomes e a morte deste.

Durante as 24 horas de esmorga, os protagonistas móvense por diversos escenarios do ambiente urbano ou suburbial de Auria —trasunto literario de Ourense—, cunha acción moi variada na que se mesturan breves historias secundarias con múltiples personaxes. A presencia constante dunha climatoloxía adversa —choiva, corisco, xeada— convértese nun motivo recorrente e simbólico da novela. O capítulo V —o derradeiro— remata coa intervención do autor que aparecía na «Documentación» do principio, o cal deixa ao lector na dúbida de se o Cibrán morre no xulgado vítima das torturas ou se suicida.

A lingua popular empregada na novela vén xustificada pola condición social dos personaxes e polo ambiente dos baixos fondos onde se desenvolve a acción, motivos estes que teñen levado a algúns críticos a asociar A esmorga coa novela picaresca, coa naturalista ou coa tremendista. En calquera caso, Blanco Amor o que fai é recrear o ton e a sintaxe popular —pero enxertando léxico de tradición literaria— e poñer de manifesto, mediante a declaración de Cibrán, o drama do marxinado —e por ende do ser humano—, incapaz de ser dono do seu destino debido aos determinantes psicolóxicos e sociais.

Eduardo Blanco Amor representa a liña realista e materialista, o denominado «realismo social», que inicia no 1959 coa publicación de A esmorga en Buenos Aires. Tanto nesta obra coma en Os biosbardos ou en Xente ao lonxe, existen unha serie de motivos recorrentes que vertebran a súa narrativa: o espacio urbano da vella Auria, marco no que se desenvolven os acontecementos; a pertenza dos protagonistas ás clases populares ou aos marxinados sociais; e os ambientes indixentes e mesmo famentos, en perfecta consonancia co subdesenvolvemento social e económico da Galiza deses anos.

Os vigorosos cadros que pinta Blanco Amor están apoiados por un perfecto coñecemento e adecuación dos medios técnicos, que insuflaron novos aires á narrativa galega: dende a técnica do interrogatorio, onde só se oe a voz do interrogado, en A esmorga, ata o perspectivismo, a técnica «magnetofónica» na mera transcrición dos diálogos ou certos enfoques obxectalistas de Xente ao lonxe.

As innovacións formais e temáticas da narrativa de Blanco Amor terían unha continuación na década dos 60 cando aparece unha nova xeración de escritores mozos que integraron o que se deu en chamar Nova Narrativa Galega.

Deixe uma resposta

O seu endereço de email não será publicado. Campos obrigatórios marcados com *