Capítulo II

— ¿Pro por que, meu señor?

— ¿Incomunicado? ¿E iso que vén a sere?

— Por máis que eisí sexa, e eisí ten que sere, xa que vostede o di. ¿Pro que mal habería pra ninguén en que ela mesma me dese a comida que me trai?

— Por máis que eisí sexa. ¿Que pode facer a probe da vella? Xa que está eí… Somentes darlle unha aperta pra asosegala e pra que sepa que eu nada fixen de mao e que estou eiquí pra decrarare, e que ninguén me pode apoñer o que non fixen… Ademais quero saber da Raxada e mais do pequecho. Coido que un home ten direito a saber dos seus.

— Non señor, que élle tan xorda que leve o diaño se non oucen o que falo sen se moveren de eiquí. E se cadra nen falamos ren, dempois de preguntarlle pola Raxada i o pequecho. A probe da vella xa fai anos que se cansou de me falar, ¡malia a hora que me botou ó mundo, que fora mellor que me botase ó cortello dos marraus, perdoando! Agora xa non me fala. Óllame co aquelas bágoas caladas, que xa lle fixeron canles polas enrugas, coma quen mira pra un que xa non ten remedio, que era mellor que me fendese a maldiciós… Agora somentes me di: «Acouga, meu fillo, acouga… ¿Cando vas acougare dunha vece, meu filliño?»

— Boeno, será coma vostede di, que deso das leises nada entendo nin falla que me fai… pro ogallá que o atope de indulxencias no ceio…

— Nada, señor, nada. Estaba a falare pra min. Disimule.

— Si señor… Pois como ía dicindo…, seguía chovendo a Deus dala…

— ¡Ai, señor, eso pareceralle a vostede…! Pro eu dígolle que a chuvia tivo moita da culpa… Si en troques daquel froallo apegadizo que topei ó saír de estar coa Raxada, e daquela chuvia mesta e sen trégolas que dempois se botou sóbor do mundo, que era coma andar por un pesadelo sen podere saír por ningures, moitas cousas que socederon non terían socedido, porque eu houbérame ido pra o meu traballo sen facer caso de ninguén. Doulle a miña palabra de home… Porque unha cousa é o que un pode facere co seu xornal, e outra moi difrente é sere lacazán e non saberse valer na vida ou querere pasala de papaleisón. Que eu son home de traballo sábeo todo o mundo, que endexamais estou de folganza máis que cando non o hai. E góstame de vrau e de inverno, polo bo tempo e polo mao; que aínda lle digo que ises días de inverno seco até dá gosto meterse na tarefa. Vostede non o sabe, nen ten por qué sabelo, porque é home de pruma. Pro eu dígolle que, chegare meio tullido, tirar da chaqueta, chuspir nas maus e porse a mallar nos seixos pra facere o morrillo, até sentire que o sangue vai quecendo e lle vai subindo pola gorxa a gaña de botar unha cántiga… E non lle digo nada, cando vai chegando a raxeira do sol por enriba dos montes… ¡Boeno, agora xa se fodeu todo!

Conque, como ía dicindo, fumos a parare xunto ó caño grande da Burga[1]. Cun caixón que aló atopamos, fixemos un lume de pitelos pra secármonos e tamén pra asare un anaco de zorza de raxo, que o Milhomes pillara no mesón da tía Esquilacha, porque ise tamén…

Eles diron conta do augardente que quedaba, e dempois de manxar voltaron a topeñaren outro sonete, que eu non sei como fai algunha xente que pode adormentarse cando lle peta… Eu púxenme a pensar, a pensar, coma fago decote cando non teño o «pensamento». Porque o «pensamento» é cousa moi difrente do pensar. Cando penso, goberno eu; pro cando se me mete o «pensamento» vólvome outro, mesmamente coma si non fora eu… Pensei na Raxada que tería ido, con toda aquela auga de Deus, a levarme o xantar ás obras, tal cómo quedaramos, como facía decote, tan leda e sorrinte cando estabamos a ben, e no bo tempo traguía tamén ó rapaz e axuntabámonos alí, ó pé duns érbedos… E pensei tamén en como tería sido meu pai, o que non conecín e polo que dil decían non se perdera moito; e pensei no meu irmao que nunca se soupo dil e que endexamais voltara de por eí adiante, e na miña irmaciña, co aqués males que lle daban e aquel quedárese descorada e rixa horas inteiras, que foi mellor que Deus a levara, que disque todo lle viñera da doenza que meu pai trouxo de cando andivera de varrendeiro, en Cádiz, sendo mozo… E pensei despois noutras cousas, nas que xa pasaran e nas que tiñan que pasare; porque eso é o amolado que eu teño, o porme a pensar, a pensar, non só no que socedeu senón no que pode soceder, que o vexo coma si xa tivera pasado… Se non pensara, decíame eu pra o meu chaleque, sería coma ises, que están eí emborcallados, a topeñar, co coalleiro cheo de comida e de bebida, adormentándose igoal que nenos entre unha tarabelada e outra. Pro o fodido é que eu penso pasando das cousas que son ás que non son, e dunhas noutras sempre chego á morte, e entón xa non penso máis, porque ó chegar a tal intre venme 0 «pensamento» que xa non é o ir pasándolle a un pola cachola as cousas, unha a unha cos seus nomes, coas súas caras… O «pensamento» é coma se pensase todo xunto, con todo o corpo, e todo me vén tan embrullado e témero que si durara moito non tería máis romedio que morrer… Cando me vén moi estremoso, é coma se algo fose medrando dentro de min, sen ser eu, e coma se me fosen a estalar os pulsos, i éncheseme o peito dunha forza tal coma si se me fora a esfrangullar dun esboiro… Pro outras vegadas vénme manseliño, agarimoso, coma cando un está canso e se bota a dormir e escomenza a afundirse, a afundirse…, que é cando máis medo me pon, e ás veces acordo de sócato, porque teño cavilado que este mergullamento tan manseliño non pode parar máis que na morte… E ó mellor é a morte que anda degorante de min pra me levar a par de si sen doenza , coma quen se durme… Moitas veces doume ó viño por me librar de iso, anque non ande de esmorga. O viño é o único que me ceiba do «pensamento», que me desamargulla diste deixarme ir afundíndome pra dentro, que non pode parar máis que na morte… non sei se vosté me entende, pro agora xa o sabe.

— A eso ía, meu señor; pro non podía seguir se non me libraba do que deixo dito, que ha servire pra entendérmonos noutras cousas que penso decir…

Conque seguía a caír aquela chuvia acoriscada que facía máis mesto o bafo a se soerguer da auga quente do lavadoiro grande da Burga, e o aer viña avolto co cheiro a bravú da roupa e do xabrón, e tamén do esterco que, con premiso da súa cara, baleiraban as tripeiras ó limpar os callas na pía de embaixo, onde tamén despenaban os pitos e as galiñas. Aló estaban, as probes, cobertas cos sabelos por enriba da cabeza, entre a friaxe do tempo e a iauga fervendo, coas guedellas escurripándolle a chuvia polo pescozo, limpando os pitos pra o señorío ¡Probiñas! E algunhas até cantaban. «¡La perra vida del trabajador!», como di o Serantes…

Cando acordaron aqueles marraus, quíxenos convencer que o mellor sería liscarnos cada un pra a súa casa. Pro non quixeron. Decindo a verdade, eu tampouco tiña moitas gañas. Falouse do que se faría, i eu dixen de irmos a comer de taberna. Ollaron un pra o outro, cun aquel de misterio, que non sei a qué viña… E foi nestas cando o Milhomes dixo que il sabía onde poderiamos pasar unha tarde baril, ó quente e con boa bebedela, somentes que non había que ir de baleiro e que si lle dabamos cartos il iría á praza a percurar algúns adubíos pra xantar. Deullos o Bocas, que andaba moi rumboso; e sen máis, o Milhomes botou a manta por enriba da testa e foise pola chuvia, refucindo os pantalós e pegando choutiños paveros, co aquel seu andar de perdís.

Non tardou en voltar cun fardel cheio de cousas… O Bocas xa debía saber a onde nos encamiñabamos, porque non lle perguntou nada cando botamos a andar cara ós pasales do río. Polo camiño foime dicindo o Milhomes que iamos cabo dun parente alquitareiro que estaba traballando no bagazo dos señores do Castelo, e que o pasariamos de moita hostia naquela bodega, ó pé do lume, bebendo canto nos petase do augardente que estaba a destilar. Eu aínda que rosmei protestando de que era moi lonxe e que chegariamos mollados coma pitos, o certo era que o día estaba propio pra metérmonos nun abrigo, por máis que nos dise traballo chegar; anque víase ben que aquiles, sen sabérese por qué, fuxían principalmente de entrare na vila ou polo menos de ire a logares onde decote faciamos as nosas parrandas, coma si non quixesen ser albiscados pola xente conecida.

Tivemos que pasar o Barbaña moi a modo, pois viña cheio coa enxurrada; os pasales estaban coasi arrentes do cachón das augas, pro a Ponte dos Pelamios quedaba lonxe. Collimos o camiño, atallando polo Saltodocán, costa arriba. A min doíanme os pés tan estremosamente que finei por sacar o raio das chancas. Os outros corrían diante de min, tapados coa manta, sen dárenme folgos . De cando en cando ceibaban un aturuxo, ou botaban unha risada ou un xuramento ó dar unha cotenada descontra as pedras da verea.

Ó paso que iamos subindo, a auga viña máis fera e dura nas rachas do nordeste; collíame o corpo coma se chovese de costado, zorregábame na face até facerma doer e metíaseme por embaixo da roupa mollándome o corpo coma si na levase. A terra dos eidos estaba enchoupada, cos regos dos labrantíos coasi asolagados, e cando nos metiamos polos fondales pra atallar, afundíansenos os pés hastra as canelas.

Ó fin chegamos ó souto da cima, onde estaba o grande pazo dos señores do Castelo, e parámonos no resío a coller folgos, apegados ó muro dafora, ó pé dun soutiño de alcipreses, que leve o demo o que acollían. Estabamos tan mollados que non había maneira de armar un cigarro. Os librillos quedaran feitos un valume, coa goma apegada, e a iauga entráranos até as petacas. A min escomenzaron de me vir uns arrepíos que non sabía si eran de door, de fame ou de callentura, e sentía os encetamentos dos sabañós coma si me cofeasen os pés con vidros.

— «¿Que se fai eiquí?», dixo Xanciño o Bocas de tal modo, sacudindo a zamarra.

— «O meu parente non está avisado», falou o Milhomes. «Pro é o mesmo. Vinde comigo».

Andivemos unhas pasadas e entramos polo portelo da horta.

— «Acollédevos naquel alpendre mentres eu vou a falarlle».

Entramos moi a modo, pasando por tras uns carros, pra que non nos visen dende a casa que estaba ó outro lado dun curro grandeiro coma unha praza, con pendellos a carón cheios de aperos de labranza. Víase que era casa de moita fartura. Nos baraústes dos corredores, patís e galeirías que daban ó curro, penduraban, ensarilladas e mestas, coma un pano amarelo e corrido, as espigas do millo brillantes coa chuvia.

O Milhomes, a pouco desto, acenounos dende unha porta e aló fumos. Tras da porta estaba o parente agardándonos, cunha cara de larchán e furabolos que non podía coela. Estaba roxo pola vecindade do lume e tiña os ollos ledos e achispados. En canto se botou a falare deprocateime que era un meu conecido, chamado o Pega, ó que non vía facía moito tempo. Non era da vila, pro andiveramos xuntos nas romaxes do Santiago das Caldas e de Santa Ana, habería uns tres ou catro anos.

Era un daqueles rapaces do planalto de Gustei, que son moi farrias, e que soen andar en ruadas e fiadeiros a mor parte do inverno e dunha noutra romaría todo o vrau. Estivera na vila moi de rapaz adeprendendo un oficio, de non sei qué, e todo o que adeprendera foran as manganchas i aduanadas dos bos plepas de Auria; pois os da aldeia, cando se espilitan, sáenlle aínda máis pándigos do que nós… Cando il mo fixo lembrar, tamén me acordei que nos tiñamos visto outra volta en Tui, que estaba eu facendo o servicio do rei. Il andaba cunha roda de afiar e unha baraxa, entre feirantes, moinantes, capadores e carteiristas, todos de Moura ou por alá, e todos boa xentiña, que pasaban dun a outro oficio asegún se dise o caso, listos coma centellas, eso si, que andaban por alá á caza de portugueses que viñan moitos a Tui, co gallo das festas patronaes. Tamén me dixo que, como agora xa andaba nos vintecinco anos, sentara cabeza, vindo a mor seriedade, pois o seu pai estaba eivado e il tiña que andar agora co trato do alambique, que era oficio serioso.

A bodega víase que era de casa moi ricaz e abondosa, que había de todo pra beber e manxar: chourizos, xamós; grandes touciños inteiros decolgados do teito, que non sei como ó Milhomes se lle ocurreu traguer nada, coma non fose por comprido… Arrente ás paredes había uns grandes bocois que coasimentes acadaban as trabes do teito co seu altor.

Conque a Pega foi e escomenzou por darnos, nunhas cunquiñas brancas, desas do viño novo, daquil augardente acabado de facer, que era un ben de Deus sentilo escorrentando tépedo polo gargueiro que coase nen se sentía, tal coma si fose un xarope doce e quentiño.

O Bocas, desque chegaramos, quedárase calado e caviloso sen meterse no que se falaba, sen xiquer dar as gracias ou facer louvanza da bebida. Arrecuncaba da augardente sen ceibar verba, somentes estendendo a cunquiña pra o alquitareiro, coma si a bebida fose de pago e tivesen que darlla por obriga, que a min hastra me daba lacha aquela maneira de procedere. Dende a mañá dábanlle aqueles intres de silenzo rabuxento, que nin se lle podía perguntar o que lle pasaba, pois aínda que era meio túzaro do seu natural, cando andabamos de esmorga amosábase trouleiro e bastante argallán, e aqués arruzamentos durábanlle pouco.

Á terceira cunca que baleirou, coasi que sen pillar alento, avermellóuselle a face e brilláronlle os ollos que os tiña gazos, moi francos e belidos, coma de neno, anque algo afuscados polas perfebas, que decote as aguichaba coma se non vise ben, e polo sobrecello moi mesto i escuro… Conque, eisí coma espertando dun sono, voltouse pra min e coma seguindo unha conversa xa escomenzada díxome:

— «… pois eu volvo a decir que era unha muller de moito sandiós… ¡Non se me vai da ideia, me caso no carano! ¿Que dis ti, Castizo?»

O Milhomes, que andaba por alí fuchicando, quedouse quedo, mentres o outro falaba, e logo dixo, coma pra esviar o conto, falando pra o alquitareiro:

— «¿E il non virá alguén por eiquí que te compremeta?»

— «Podedes estar ó voso lecer e ben tranquíos… Non hai ninguén con mando no pazo e temos a casa por nosa deica a noite… Os señores andan na cibdá, polo gallo da nai da señora que está moi doente, que até disque non pasará distes días. E don Marcial foise moi cedo dacabalo, pra a parte de Piñor, por mor dunhas rendas…»

— «¿E quen é don Marcial?»

— «O Saltapalletas, ou sexa o adeministrador. ¡Ten máis mal xenio que o diaño que o fixo!»

— «¿I a outra xente da casa?»

— «Pois co iste tempo, e sen o Saltapalletas eiquí están apegados á lareira, bebendo e roendo, que eiquí ninguén llo tasa. ¡Casa farta coma esta…! O que si, estalles privado entraren na bodega. ¡Teñen armado cada unha! Contoume meu pai, pra me precavere, que unha Noiteboa, que os señores fóranse pra a vila, a pasala cos parentes, fixeron unha desas que arden nun candil… Dempois de fartárense coma marraus, fóra a ialma, e de beberen até trousalo, meteuse o demo niles e fardáronse de pés a cabeza coa roupa dos donos, e moi metidos en paletós e polisós fóronse a bailar ribeiranas na saa dos espellos, coa Fuca e mais o Berzas, que son os criados máis vellos, sentados no estrado faguendo de señores que polo visto estaban bébedos coma dous dises vedraños tolos que poñen nas follateiras[2] e disque que ó outro día non se acordaban de nada. Cando chegaron os donos, ó mediar a mañá, parés que había un grande estropicio, e moitos aínda estaban a dormir a rolla onde os collera o sono, até nos leitos dos amos e dos nenos, que parés que foi o que máis os encabuxou… E anque os señores son bos coma o pan, botáronos a todos, non sendo os vellos. Da mozarría dos criados non quedou ninguén, anque pediron perdón e meteron moitos empeños… E hastra disque dúas rapazas de Rairo, que estaban a xornal pra a costura, resultaron logo preñadas, anque a xente fala moito… Pro o caso é que dende aquela, ninguén pode chegarse á bodega sen licencia, e moito menos estando o alquitareiro, pois polo visto naquil tempo, cando se andaba na estila, co gallo de viren a probar o augardente papaban cada pítima que…»

O Pega era moi garuleiro, e cando se metía na leria esbardallaba sen darse acougo nen pra remudar os azos. Eu nin tiña mentes de lle responder e, polo que se vía, os outros tamén o deixaban palicar sen darlle moito creto ó que decía.

O Bocas estaba engruñado ó pé do lume, a par de min. Estabamos moi cansos e coa roupa apegada ás carnes coma un coiro que se ía encollendo e que nos facía proer o corpo. O Milhomes, decote coma si tal cousa, andaba bulindo, a canturriar, e falando de proparar a comida, porque aquí decote tiña que estar facendo algo. Ó baleirar o fardel onde traguía as cousas, rolaron uns pesos, oito ou dez, pola tapa da artesa onde estaba a traxinar, e púxose moi coorado.

— «¿De onde che saíron ises cartos?», preguntou o Bocas, erguendo o sobrecello.

— «¡Ai, non che sei!», contestou o Milhomes, coa súa vociña mansela e cheia de falsía . «Debéronselle de caír dentro da saqueta á tía Delfina cando lle merquei o xamón, eisí Deus me dea, que é moi estraída . ¡Vaia que ser, probiña! ¡Como se porá cando os bote de menos!» E, coa mesma, ceibou a súa risiña polo narís. Os outros riron tamén, decatándose do calote. Pro eu non me rin, porque un será o que sexa, pro a min nunca me fixeron rir os caloteiros; que unha cousa é ser esmorguista e outra moi difrente ser ladrón, anque algúns fan adrede coma que se trabucan e apóñenlle ó estar bébedos, ou andar de bebedeira, anque naquil istante non o estean, as cousas da mala pezoña que teñen decote na ialma…

Eu puxérame a esbirrar facía un bo anaco, coma si me estivera vindo un costipado, e foi eiquí cando dixo o Milhomes:

— «Sacade a roupa e poñédea a secar. Se vos quedades co ela posta aínda vades a coller unha pulmoeira con tanta auga coma vos caíu enriba». E decindo esto, xa se puso a riparlle a zamarra ó Bocas, que o botou de si dun arrepuxón.

— «Non lle falla razón», engadiu o Pega. «Podedes acomodarvos coma vos dea a gaña, que xa vos dixen que eiquí non entra ninguén».

De alí a pouco o Bocas foi quitando as prendas até quedar en cirolas. Logo deixounas caír tamén e púxose a desamalloar as barazas das botinas; e, ó remate, quedou tan encoiro coma o pariran.

— «E ti vaste a ispir tamén», dixo con voce de ameaza pra o Milhomes, namentres botaba a roupa de mal modo no lombo da alquitara. Tiña o corpo branco e rexo, coas carnes musgosas apegadas ós ósos, e somellaba moito máis forte que vestido. No peito víaselle unha ferida pouco fonda, coma un arrabuñado, que ía dar ó ombreiro. Púxose a raspiñar o coallo do sangue, pois víase que era ferida nova, co canto da uña até que lle volveu a sangrar. Logo pillou unha pouca de cinza e bismouse co ela meténdoa polos beizos da riscadela, que até arrepiaba verlle facer aquelo sen pestanexar, coma si andivese fozando en carne allea.

— «¿E logo que foi eso, hom?», pergunteille.

— «Son as gracias diste», saltou o Milhomes. «Gústalle meterse, e veleí tes…»

— «¿Vas calar o pico, merdán?», berrou o Bocas índose pra il.

O outro botouse a correr pra agacharse tras dun bocoi, e Xanciño dixo falando pra nós:

— «Non foi ren… Tiven unhas palabras co Balbino o Cebola e sacou unha navalla. ¡Unha navalla pra min! Tamén levou que contar… Eu a mau limpa o que se queira, pro non aturo arma branca diante dos ollos… Non me agoanto…»

O Pega quedouse escoitando, sen ollar pra il, e logo preguntou, con voce inqueda, coma dándolle moito aquel, ó que decía:

— «¿Foi onte á noite, na taberna do Chaguazoso?»

— «Si, ¿por que?», respondeu o Bocas fitándoo con moita sospeita.

O Pega non respondeu, anque o outro asegundoulle a preguntar, pois viuse que algo lle quedaba adentro sen decir. Logo botouse a falar de que cando escamparía, que cómo iamos a facer pra írmonos, que non conviña que nos pillase aló a noite, e outras cousas polo estilo e sen vir ó caso, co que amosaba estar inquedo connosco alí, dempois do que contara Xan.

Eu sentía a condanada da roupa tan apegada ó corpo que me proía coma si estivese inzada de piollos. E total, como estabamos entre homes, finei tamén por me dispir e pór a roupa perto do lume. Naquela voltou o Milhomes tamén meio núo. Co aquela disposición con que o facía todo, pillou por alí un adival e púxose a estender a roupa de todos ben estarricada. De meio corpo pra embaixo fixera cuns facotexos unha mandileta que o tapaba por diante e que deixaba ó descoberto as nádegas grosas, tremantes e cheias de fochiños coma as dos nenos. Tiña a pele brancuxenta e cheia de mazaduras dos golpes que se diran, e as carnes arrondeadas e seguidas polos bacíos e polas costas coma se fora de manteiga e non tivese tendós como temos os demais homes. No peito, sen migalla de peluxe, abambeábanlle as tetelas cando se movía, leve o demo, coma se fora unha muller. Ó Pega veulle un pronto de risa, ó velo eisí, que coidei que afogaba, i eu ferreille, ó pasar, unha chapada no cu que estalou coma un foguete.

— «¡Vaia, caraja!» Alporizou o Milhomes. «¡As maus quedas, eh! E ti, a ver se deixas de rir que non son ningún antroido». E coa mesma, seguiu a aduanar por alí cos porparativos do xantar, canturriando polo narís e abambeando os cadrís o camiñar, que xa non se sabía si era cousa de noxo ou de risa.

O Bocas dempois de tere andado un pouco deiquí para aló estarricándose, voltou a acrequeñarse cabo de min e quedou coa vista fita no lume un bo anaco, sen pestanexar.

— «¿E logo que tes, home, que te vexo moi caviloso? Ise non é o teu xenio cando se anda de esmorga. Algo che pasa…»

— «Éche moito caso o daquela muller», rosmou polo baixo, coma falando pra si. O Milhomes andaba coa orella tesa vendo de pescar o que palicabamos.

— «Pois tampouco a min se me vai dos miolos. Si que é moito caso…»

— «¡Boeno, coña!», meteuse o Milhomes; «¡pois vaia que sere! A ver si agora resulta certo que hai feitizos coma nos contos das vellas». E coa mesma seguiu a bater uns ovos nunha barreña.

— «¿De que muller falades, se se pode sabere?», perguntou o Pega. Ollámonos os tres e non respondimos ren, coma si estivesemos de acordo nun segredo. O outro perguntou de novo e contestoulle o Milhomes, sen lle dar importancia:

— «¡Boh, cousas distes, que teñen o viño fantesioso! Cando pescan unha tranca logo coidan que foi verdade todo canto viron. Non lles deas creto… ¿Onde tes as cebolas?»

A chuvia seguía a Deus dala e sentíase a enxurrada baixando dos altos do souto a escacharse descontra os bacelos do hortal e a rolar polos carreiros trocados en regatos. Eu emborquei os pés na cinza pra me librar daquela mestura de door e proído que non se podía aturar, e quedeime máis aloleado. O tempo seguía con aer de tronada, anque cambeando a norde; puñérase tan fusco que tivemos que alcender un quinqué, pois somellaba xa ter vido a noite. ¡Que ben se estaba alí, naquela morneza ó pé do lume, co aquel augardente amorosiño, que eu bebía dapouco pra sentire o gosto de bebelo con todo o xuízo, namentres afora bruaba o vento nos cantos do casal e ripáballe as ponlas a unhas silveiras que se vían pola ventá que daba ó xardín do pazo…! Se non fora polo arrecendo da comida, que estaba porparando o Milhomes, até gosto me daría irme quedando adormentado, eisí como estaba, núo, coa fronte pousada nos xoenllos, sentindo asubiar os mollos no lume do alambique, ceibe do «pensamento»…

Comimos coma abades e bebimos a nos fartar do mellor da cosecha vella que o Pega ía traendo nunha canada, dun pipote, que era o dos señores. Baleirariamos unha boa media ducia de canadas, coasi sen sentilo non só porque manxamos moitismo, senón porque tiña un labio soave e groso ó mesmo tempo, e non era coma ese viño novo chirlán que se bebe coma graciosa e un nunca se ve cheio. Logo voltamos ó augardente, anque esta vece queimado con zucre moreno… ¡Que ben se estaba, sandiós, na morneza daquela farta bodega, que hastra daba preguiza o porse a pensar que aquelo finaría de alí a pouco e que un tería que saír e apandar outra vegada coa chuvia, co vento, coas cousas do mundo cabrón…!

Namentras eu cavilaba os outros cantaron, bailaron e pintaron a rabia facendo cantas tolerías se lles ocurreu. O Milhomes botouse por enriba unhas ristras de allos, a modo de acolares, e imitou ás lerchas do café cantante, abalando as illargas mesmamente coma unha puta, con premiso da súa cara. O Pega e mais o Bocas botaron co il uns agarrados, e cada vegada que o Bocas lle sacaba ó outro a «parexa», facíao de tan mal modo coma si o tentase a pelexar. Eu non quixen meterme naquelo porque me estoxaba o andaren eisí uns homes cos outros. O Milhomes facía bulra de min chamándome cativo, e aínda tentou queimarme, cun guizo que pillou do lume, en salva sea la parte, i eu todo llo agoantei ate que foi e dixo:

— «¡Mirade o que ten eí o condanado, que somella a do burro do Cerralleiras! Non sei como cho atura a Raxada…». Que foi nestas cando perdín o tino e peguei nil de tan mal xenio que por pouco o boto ó lume coasi sen me dare conta das pancadas con que os outros me mallaban pra que o ceibase. A todo esto, o Milhomes chiaba coma un marrau no cepo, pro non se sabía si os berros eran gradosos ou de queixa, pois tanto somellaban laídos coma risadas i eso foi o que máis me acirrou, e dáballe canto podía, i eu non son dos que cando se poñen a bater dan de baleiro… Nunha desas que me asopararon, coma estaba moi asañado e quería seguir zorregándolle, o Pega guindoume enriba unha canada cheia de viño pra me asosegar, e asosegoume. Pro dempois o Bocas quería pelexar comigo e eu tamén lle andaba con gañas. Conque en canto nos agarramos, o Pega púxose a xurar a berros, maneando pra min un estadullo. O Milhomes chiaba que fendía os ouvidos, e nós, cos corpos en demasía afroxados pola bebida pra nos seguir batendo, escomenzamos de tirarnos cousas, todo canto tiñamos a mau, os pratos, as potas da comida, os vasos… Eu, coma o Bocas me guindou cun tallo , pois fun e zorregueille co quinqué, con tan mala sorte que se escachou descontra a parede e pegou lume nuns feixes de palla e de leña que aló había pra alimentare o alambique. O lume estendeuse de contado, e cando estabamos tentando de apagalo, asomou un rapaz pola fiestra e dixo:

— «¡Chegou Saltapalletas!» E coa mesma foise berrando polo curro: «¡Lume, lume, lume!»

Apañamos a roupa coma poidemos, e aínda non tiñamos metidos os pantalós, cando aparesceu na porta un cabaleiro de polainas cun vergallo na mau. Recuamos e sortimos pola fiestra baixa que daba ó camiño. Eisí, meio ispidos coma estabamos, botamos a alandillar pola encosta do monte e non paramos até o souto dos castiñeiros onde rematamos de vestirnos, baixando logo coasi a rebollós até darmos na carreteira nova. Alí tomamos folgos, descansando un bo anaco. Logo, pegando un arrodeo, fumos parar ós arrabaldos do Posío, cerca da ponte da Burga. Ó pasar logo polo petril, estaba unha grea de xente fitando pra o lonxe. Parara supetamente de chover e viña un vento do norde que varría con todo. Un dos que pasaban ía decindo:

— «Pegou lume no pazo do Castelo… ¡Arde coma esca!»


  1. Fontes e lavadoiros termaes púbricos de Auria.
  2. Festa popular de Auria.

Deixar uma resposta

O seu endereço de email não será publicado. Campos obrigatórios marcados com *