Capítulo III

— Non, señor, non. Non teño máis nen menos vountade de falar da que tiña onte… O que pasa é que agora cúmpreme remoer ben as cousas antes de as decir. Estiven remoéndoas a noite inteira, que leve o diaño o que dormín, pro as condanadas ensaríllanse todas, en rolda polos miolos i a cabalo unhas das outras, que xa nen sei as que foron antes e as que foron dempois, que hastra me somella que tantas cousas non poideron tere pasado nunha noite, coma cando un soña, que somellan non teren fin e pasan nun istante… Porque eu dígolle que o que pasou nesa noite é coma si pasase nunha chea de noites apegadas unhas ás outras, sen día no meio, ou eisí coma xa dixen denantes… De tal modo que non sei como escomenzare.

— Está ben, si señor… Pois os feitos é que estabamos aparvados de cansacio e de bebida e non sabiamos pra onde coller, pois as cousas fóranse pondo de mal en pior, e púñanos medo írmonos a meter onde houbese xente conecida, i a nós conecíannos en todos os sitios onde quixeramos ire…

O tempo cambiara outra vegada pra frío. Nos arrabaldos non se vía alma viva…

As casas de pallabarro somellaban ire a derrubarse amolecidas, i os refachos do vento arremuiñado do norde, que viña como pra tempo de neve, esborrifaban no áer os fíos da auga que aínda se desbrocaban no meio da rúa dende as canles das tellas.

Ó pasar pola Porta de Aire, adevecimos de envexa ollando pra as tabernas cheias de xente, pro non nos estrevimos a entrare. O Bocas era o que máis se coidaba de que non o visen, e ía, azorrado e múo, ás alancadas sen decirnos pra onde. Na fonte de San Cosme bebimos a morro uns grandes grolos da auga da pía, que nos fixo baleirar, de alí a pouco, todo canto tiñamos dentro. Todos tres, con premiso da súa cara, trousamos coma cas, fóra a ialma, e co iso fóisenos indo a pesadeza i escomenzamos a nos poñer ledos coma rapaces, sen sabere por qué… Ó lonxe víase no ceio un tramo aceso polo lume do pazo, e cada un ollaba pra aquel costado do áer cando coidaba que os outros non o vían. Pro non nos dixemos ren, coma se non tivesemos que ver co aquelo… Eu ía cavilando que o lume se fixera grande de tan sócato porque pegaría na leñeira que estaba a par da bodega, que eu ben a vin cando o alquitareiro ía buscar os mollos pra o lume…

Conque fumos parar á Ferreiría, onde nos metimos nun portal pra determiñarmos o que teriamos que facer, pois non era cousa de andar daquil xeito toda a noite e máis co frío que se viña.

— «¿Cantos cartos tedes?», preguntou Xanciño. Eu non tiña coasi ren pois déralle todo o xornal á Raxada.

— «Eu teño dez pesos, e vámolos a foder todos esta noite», dixo fonchoso, o Milhomes.

— «A min quédanme catro ou cinco… Pro témola que seguir, que sobran de abondo», argallou o Bocas.

— «Eu voume pra a miña casa, pra a casa da miña nai», respondinlles; que esa era a verdade, pois eu non tiña mentes de seguir facendo falcatruadas , que bastantes tiñamos feitas.

— «¡Seica estás tolo! Cos líos que temos armado, onde pirmeiro te buscarán será na casa da Raxada ou na da túa nai. ¡Pensas que son parvos!», dixo o Bocas. «Ímola a seguir, e mañá será outro día».

— «A min nada teñen que me apoñer nen por qué precurarme, que eu nada fixen nen me metín con ninguén».

— «¿E quen guindou o quinqué que puxo lume no pazo?».

— «Esvaroume da mau… Non o fixen adrede. ¿Que sabía eu que ía estoupar daquil xeito, coma si fose unha bomba, nen que culpa teño eu de que a leñeira estivese alí tan de perto? ¡Vaia, coño…!».

Aínda disputamos un pouco sóbor de istas cousas, pro como non levantabamos a voce era coma se non disputasemos, que todo o que falabamos era besbexando pra que non nos ouvisen. Conque dempois de me decire, un e outro, que tan lixados estabamos uns como os outros, dispuxemos írmonos de putas, con licencia, anque ó Milhomes non lle fixo moito aquel a ideia, e puxo coma condición que non fosemos á casa da Nonó senón á da Monfortina, non sei por qué…

Pro na casa da Monfortina non nos quixeron ademitir, porque disque tiñan uns viaxantes forasteiros de moito rumbo, que colleran a casa por súa e mandaran fechar a porta a todo gasto pra quedárense todos a eito, de dormida… Isto foi o que nos dixo a Cupatrás, coa meia porta de enriba aberta e a de embaixo fechada, coma pra darnos a entender que non nos abriría. E asomouse pra contestar porque coneceu a voce de Xanciño, que lle tiña moito aprecio, pois o Bocas era home moi gabado polas churrianas, asegún era sona. A Cupatrás quedouse debruzada, coma pra palicare un istantiño connosco.

— «Santisma Virxe, que non sei como vos aventurades a andar nesa disposición e co iste tempiño… Se non tiveramos istes fletes, que son moi amigos da Monfortina…»

— «¿Que fas eí?», marmulou, por tras de ela, a Piolla, asomando os fuciños lardosos de comellona i o narís de borracha.

— «¡Mira, que antroido de homes! Veñen co Xanciño, o Bocas…»

— «Veñan con quen veñan, fecha esa porta… Hoxe non é día pra ista cras de fletes . Fecha e acabouse a conversa», dixo de moi mal xeito a Piolla, que é a encargada da Monfortina, como vostede sabe…

— Vosté dispense que non quixen ofendere, pro eiquí sábello todo o mundo, aínda as persoas decentes, que están tan ó cabo do que pasa nas casas das putas, con licencia, coma si tamén foran decentes, que nistes pobos pequenos…

— Si, señor, si. Conque seguindo o conto, o Bocas díxolle que non fose besta que pra decire o que tiña que decire non había que aldraxar á xente. Pro a Piolla, que é moi arriscada, fíxolle frente, e sacou o corpo, toda moura e fuciñuda como é, con pelos no bigote, poñéndose a berrar:

— «¡Fóra de eí, lacazás, perdularios, ou saio coa tranca! ¿Que vos pensades, que non son home pra vós?» E voltouse a meter pra esguellar un arrabuñazo que lle tirou o Milhomes.

— «Ídevos», dixo de mellor modo a Cupatrás, «que eí veñen os faroleiros co municipal».

— «¿E que temos nós que vere cos faroleiros e co municipal?», díxenlle eu disimulando, e tamén pra sabere si algo tiñan no papo sóbor dos outros, que eu andaba coa miña sospeita de que algo habería…

— «¡Ai, que condanados!», berraba a Piolla. «¡Fecha esa porta, Cupatrás! ¡Malia quen eiquí os encamiñou, que aínda nos van meter nun compremiso! ¿Pra que abriches, cadela! Sae de eí…»

— «¡Pois agora éntrase por collós!», esbardallou o Bocas, metendo o cóbado por entre as follas e pegándolle cos xoenllos á parte de embaixo.

— «¡Fuxide de eí maricós, galicosos, ou vades a parar todos á ispeición…!»

Eu ripei co Bocas para un costado e díxenlle á Piolla con moito sosego, pra que non se ouvisen os berros namentres non pasaban os faroleiros, que xa viñan perto:

— «Non te poñas eisí, muller… hai que vir a razós… Somos homes mozos que andamos de esmorga, con bos cartos no peto pra gastare… E non vén ó caso, si tes a casa ocupada, que te poñas a falar de municipás e da ispeición, que non somos xente de afora nin carteiristas…»

— «¡Anda, coña, faite de novas ti tamén! Ben te conezo, que eres o da Raxada… ¿pro pra que andas co ises? ¿E logo non sabes que ise —dixo acenando pra o Bocas— deixou onte un home por morto na taberna do Chaguazoso? ¿Non sabes, non? Non me fagas falar…»

Aporveitando o quedármonos sin aición ó ouvir somellante cousa, fecharon dun golpe a porta e botaron a tranca. E nestas, comenzaron a ferrarnos botellazos dende o piso de enriba e vimos que chegaba, con grande troupeleo das zamancas nas lousas da rúa, Fermín, o faroleiro vello, acenando pra nós coa estopa do lume enriba do chuzo, tan metido na grande coroza que semellaba unha pantasma do outro mundo. Detrás, perdendo os folgos, viña un municipal, que pola estatura debía sere o Sardiña, que viña tamén correndo, casi a canchapernas, coma fai decote por mor dos xoanetes, que hastra os rapaces o tentan pra velo correre eisí.

— «¡A ises, a ises!», viñan berrando coma demoros, sen dúbida chamados polo estrondo dos botellazos, pois denantes non nos tiñan visto. As fiestras das casas veciñas, xa afeitas a aquelas funciós, abríanse de golpe, e a María dos Acidentes, que vivía nunha casoupa medio derrubada, parede por meio coa da Monfortina, saíu coberta cunha sabán, chiando coma un vencello…

— «Valede eiquí, veciños, que me matan…! ¡Ausilio! ¡Auuusilio!» As putas pagábanlle ou dábanlle mantenza pra que as axudase, cos seus brados de tola, a tornar da porta ós homes que non lles conviñan cando se puñan rufos en demasía, i a condanada facía moi ben aquela titiritada.

Saímos alandillando porque xa o Fermín e o Sardiña se nos viñan enriba. Ó chegar ó calexón da Pena Vixía, o Bocas ordeou:

— «Temos que nos asoparar. Se nos ven ós tres xuntos, vanse deprocatar que somos nós. Liscade cada un pola súa beira. Dentro dun istantiño, xuntámonos na casa da Nonó. Entrade, sen petar, pola porta da Santísima Trinidade, pola parte de atrás, que vai dare á cociña… E non vos demoredes…».

Eisí o fixemos, e de alí a pouco estabamos xuntos de novo… Aínda agora me pregunto por qué non aporveitei aquel intre pra me asoparar de somellantes… e máis sabendo o que xa sabía.

— Pode que sexa coma vosté di, porque un nunca se ve tal e como é de certo… ¡E cando as cousas están de Deus…! O que pensei dimpois púdeno pensar entón, pro o certo é que non o pensei, eisí me parta un raio eiquí mesmo. Bueno, agora xa foi marica non chores. Total, todo se foi pra o carano…

Conque na casa da Nonó ademetíronnos de contado porque eu tiña bo creto e tamén porque o Xanciño era meio querindallo da Lola, a Viguesa, que facía de encargada, e que disque estaba moi namorada dil. A Viguesa, coma vostede sabe… ou mellor dito, coma sabe eiquí todo o mundo, é a mellor das que ten a Nonó, que son catro ou cinco; e se non tivese aquel arroallo e aquel botar por ela de madamita, podería estar ocupada noite e día, pos é «das que camelan», como di Almería, o mozo do Mendenúñez. Pro cando lle peta de tere a simpatía pra alguén, resulta tan xeitosa, amais de belida, que ten que sere verdade o que dela din, que disque é moi boa xente, e que se non está na casa da Zorrita, que, como vostede sabe, son de a peso e non de a seis reás, como as da Nonó, é porque non quere. Ademais din que lle gosta empinar o cóbado, e non de copas, como ás finas, senón de morapio, que bebe moito e ponse moi perdidiña, que hastra disque se lle esterca o estámago, con licencia, e cheira coma nós os homes que andamos nise vezo.

Conque da cociña pasamos á saleta onde estaba decote a dona do trato, que ía poucas veces ó salón. Rescibíronnos cun aquel que non era o acostumado, e até a Nonó non contestou de bo xeito ó noso saúdo. Chegamos pirmeiro eu e mais o Milhomes e dixémoslle á Viguesa que Xanciño chegaría de alí a pouco, co que se puxo moi leda e botouse polvos na face i esborrifouse prefume por enriba. Nefeuto, cando chegou o Bocas foise pra il e apreixouno nunha longa aperta, i o outro mougán facía coma que a quería tornar de si ou coma que se deixaba agarimar de mala gaña; porque os homes que lles gostan ás putas, con licencia, son decote eisí, coma se se deixasen acariñar á forza, co que elas acírranse máis e andan tras diles aínda máis asañadas, que é cousa que non se entende.

A Viguesa ollaba pra somellante animal coma se non se fartase de velo e sen se asoparar dil, coma si llo fosen roubar, cos ollos húmidos e ademirados, coma si tivese baixado un anxo do ceio. I o outro lampantín deixábase estar cos brazos caídos ó longo do corpo, feito un estoa, ollando pra os biosbardos, coma si a cousa non fose co il. ¡Se fora eu, me caso no carafio…! Pois a Viguesa chamáballe «mi chulillo», porque decote fala en castelán, pro non coma fai a Cansentado, que fora costureira, en Paderne e botárase a falar o castrapo, que foi o que escomenzou a perdela, e outras das casas de a peso que falan o castrapo cheio de jeadas pra facérense as finas e as madrileñas cos señoritos da vila. Non; á Viguesa víaselle dabondo que era seu falar natural, que disque lle viña da súa nacenza en boa casa, que hastra se marmuraba que era filla dun coronel do Ferrol, ó que disque se lle foran esparexendo a muller i os fillos porque era moi xogantín, que a xente non se cansa de inventare cousas, e que tanto pode sere certo como pode sere trola…

A Nonó estaba esbacalloada, coas pernas abertas, encol do braseiro e co pito nun recanto da boca, coma decote; aquelas pernas grosas como eixos de carro, i a faciana maltratada das vixigas, de máis grandor que a dun cristiao calquera, por máis groso que fose, arromatada, por embaixo do queixo, con dous ou tres papos, macios e peludos, que somellaban non sere da carne de ela… Tiña no braseiro un cazolo de viño a quecer, e cada tanto pegaba nil, arrecollendo coa mau toda aquela galdrallada que tiña por espeteira pra que lle non estorbase a visión, e metíalle longos grolos sen alentar. Dempois de cada engolido arrotaba coma un crego e decía pra si mesma, sen perder a seriedade: «¡Bo porveito, Nonó, que istes sexan os andacios que te maten e que se foda o mundo…», pois é muller de moita soberbia.

— «¡Como ves, meu chuliño», marmuraba a Viguesa, cofeándose descontra o prosma. «Co ben que poderías estare cabo de min, os dous xuntiños que non che faltaría nada… ¡En que choios andarás ti…!»

— «Mira, Viguesa, xa sabes que te quero ben, pro eu preso nin por un cabelo, como din…»

— «¡Anda, anda, laparán, que vai pra dúas somanas que te non vexo, i eso que che mandei unha ducia de recados… ¡Con quen andarás ti metido…!»

O Milhomes que ollaba pra iles co aquil sorrisiño que tanto amolaba e que era o seu modo de se bulrar ou de dar a entender que estaba de volta do que se decía, finou por non lles facere caso, e foise a acrequeñar cabo da mullerona á que lle besbexaba, polo baixo, cousas que a facían rire, namentres andaba a remexer coa badila no rescoldo.

Ó outro lado da porta ouvíase no salón a pándiga que armaban os fletes coas pupilas, bailando ó compás do guitarrón do cego de Cudeiro, que botaba as mazurcas en castrapo, coa voce arronquecida:

Si el mar tivera barandas
Fuérate vere al Brasile,
pero coma no las tiene
mi vida non poedo ire…
¡ai si!

Logo, facendo castañolas e ferreñas con canto poideron apañar pra meteren bruído, sentiuse que dous deles, que debían sere o Jiménez i o Quintela, que decote facían esa gracia, armaron un cachoupiño entre as risadas de todos, marcando con carraxe os puntos no estrado de táboas, como nun redoblante:

Ai, polo pé,
pola punta do pé,
pola rabia do pé,
polo cachoupiño…
polo cachoupé…

O Milhomes i a Nonó comadreaban polo baixo bebendo do cazolo, e cando ela falaba saíalle o fumo por entre as verbas, talmente coma si o fumo i a voce fosen a mesma cousa , pois non ceibaba verba de si que non fose envolta co fumo.

A Viguesa foi levando ó seu amigo lonxe da luz da lámpada que penduraba do teito, até sentárense no sofá de palla que aló hai nun recanto escuro. Púxoselle a facer agarimos, bicándolle o colo e dándolle endentadiñas nas orellas, sen que o outro lambón, todo estarricado, deixase de ollar ó lonxe, coas maus afundidas no cinto descontra a barriga, sen lle botar á outra a minor apalpadeira, que a min xa me estaba enrabexando aquelo.

Como a Nonó apúxonos que eramos «fletes de juerga seca», pedíronse dúas botellas de anís encarchado i outras dúas de licor café, pois tiñamos o estámago tan estragado que só sentíamos degoro de cousas lenes e doces… Máis tarde mandouse á Fani, a criada, que trouxese unha boa pota de callos da taberna da Xenerosa que nós nin probamos xiquera…

Nestas, apareceu pola porta que dá ás alcobas, a Costilleta, axeitándose o cabelo e seguida do Pepe o Cabito, que lle quedara este alcume de cando foi cabo de gastadores no servicio do rei. Pepe o Cabito, anque fillo do señor Argimiro o Peste, que tivera banquilla de zapateiro de rúa, ó pé da Fonte Nova, dábase moito ó señorío porque traballaba de escribiente no auntamento. Total viña a sere un deses señoritos de caldo á merenda que aínda gañan menos que nós, e todo se lles vai en andaren de capa e bimba i en alternaren con algúns señores de carreira polo gallo de seren todos republicanos, que lles din, e que se axuntan algunhas vegadas na Lameda a botaren discursos que ninguén entende, até que os torna de alí a Guardia Civil. Estrañoume velo na casa da Nonó, pois eu supuña que era, polo menos, flete pra a casa da Caridá ou da Monfortina, que son, coma vostede me enseña, que xa o dixen denantes, casas de a duro.

Marmulou un «boas noites», de mal modo, coma si o amolase que o tivesemos visto, e sortiu pola porta de atrás, por onde nós entraramos, e que é a porta por onde entra e sae a xente de confianza da alcagüeta. Ó sortir fitou de esguello para o Bocas, que nen conta se diu de aparvado que estaba.

A Costilleta foino despedir, e cando voltou veuse pra a miña beira, que aínda me deu un bico na meixela e acochouse descontra min coma quen ten frío.

Eu tíñame ocupado bastantes veces co ela, pois aunque non era moi goapa nen andaba moi comprida de carnes, tiña fama de limpa e de facer ben as cousas, que por certo era verdade… Tíñame proposto moitas vegadas que foramos queridos pra non tere que pagar, pois, coma vostede me enseña, eiquí é costume que os queridos poidan quedárense de dormida os luns sen pagar ren, anque ista sexa un engado, pois o que non se paga polo adubío váiselle logo a un en pagare o escote da cea e da bebida e máis da prepina pra o cego Cudeiro.

— «¡Ai, meu rei», decíame a Costilleta, pegándome belisquiños nas coxas, «ti si que es home pra sacarlle a barriga de mal ano a dez mulleres…! ¡Ven pra acá, gandulo! ¿Imos facer as cochinadas?»

— «Deixa, muller, que non estou pra iso. Ando moi canso… E ademais xa sabes que me dá noxo de me ocupar con muller que sae de estar con outro».

— «¿Quen? ¿Ise? ¡Boeno, boeno! Moitas garatuxas e tal e que sei eu, petexa de eiquí e petexa de aló, aloumiñándoche as carnes por de fóra, que hastra fai cousas que noxo dá lembralas dempois, e total… patacas, que aínda queda unha pior que denantes… ¿Imos? Mira, Cibrán, dempois dun coma ise, dígoche que o que cómpre é un home das túas feituras, que vai ó seu sen andrómenas, e aínda recunca… ¿Imos?»

— «¡Non teño cartos!», díxenlle pra sacarlle a teima.

— «¿E iso que lle fai? Págasme outro día, que xa sei que eres de lei».

— «Non, muller, non…»

— «¡Anda, home!» E baixando a voce engadiu, coasi falándome na orella: «Dempois que nos ocupemos, saes ti soliño pola porta de adiante e sen decires nada. Non che convén que te vexan co iles… Vén que cho conto todo, que ó millor dimpois non temos tempo…»

— «Deixa ó home tranquío», dixo nestas a Nonó, soerguéndose e co aquela voce de homón que sacaba dos fondos do peito que tanto apuña ó sentila, pois coasi nunca falaba en voce alta. «Será mellor que vos lisquedes, que eu non quero líos. Agora que vos viu o Cabito será mellor que tomedes o portante», arrematou falando pra o Bocas. «¿Non che dixo nada a ti?», perguntoulle á Costilleta.

— «¿E que me ía decir?», contestou a outra, querendo disimular, anque víase ben que algo lle quedaba no papo.

— «Boeno, ídevos, e teño dito. Ise vaivos a denunciar… A min tenme xenreira porque sabe que o quero tornar de eiquí, que me acostuma mal ás mulleres…»

— «¿Pro, denunciarnos de que?», saltou o Milhomes alporizándose.

— «Boh, deixádevos de lerias e morra o conto, que o sabedes mellor ca min. Ídevos, e acabouse».

O Bocas asoparou dun empuxón á Viguesa e póndose de pé dun brinco pegoulle un couce ó cazolo do viño que se barrufou renxendo polo lume. A Nonó abalou movéndose toda como un monte e desaparesceu por unha porta.

— «¿Que fas ti, peneque do carano, ascaroso?», chiou a Costilleta, dirixíndose a Xanciño. «Eso pásanos a nós por darlle entrada a criminales. E a culpa tena isa, que anda co il como unha cadela salida…»

O Milhomes ergueuse dun chimpo e pillouna polos cabelos namentres o Bocas lle escachaba un hostión no meio da cara que a fixo caír tan longa como era. Cando a Viguesa se viña tamén pra ela cun sillote erguido, voltou a Nonó coa face vermella, coasi moura coa rabia, cunha iñorme tranca na mau arreboleándoa dun xeito destemido e deixándoa caír sóbor todo dios.

— «¡Fóra de eiquí, cabrós!», berraba co aquela voce que era coma un trono dos ceios. Cómo serían os golpes que ferraba que cun deles que lle marrou escachou a táboa da mesa… Nestas abriuse a porta do salón e asomaron os homes i as mulleres que aló estaban na pándega, con intención de vírsenos enriba. Nós botamos pra fóra pola porta de atrás e saímos todos tres a eito, coma chuspidos… Detrás de nós, oíanse os brados da xiganta enchendo toda a praza da Santisma Trinidade:

— «Ladrós, criminales, golfós…! ¡Botádelle a mau a ises…!»

Parara de todo a chuvia e sopraba un curisco que tollía os alentos. Non había nas rúas alma viva. A lúa viña grande e crara por entremedias das nubes esfiañadas e lixeiras. Cando paramos de correr, aló pola praza do Correxidor, ouvíronse no reló da catedral as badaladas de meia noite. Tiramos pra arriba con intención de meternos na casa do Milhomes, que vivía na rúa de Crebacús. As pernas non nos sostiñan ben pola causa das bebidas doces que son de moita treidoría, coma vosté me enseña.

— «¡Pois estamos fodidos!», dixo o Bocas parándose no portal. «Ide a onde vos pete, pro eu non me meto en ningunha casa. Non sexa o demo…»

— «Eu non me asoparo de ti», respondeu o Milhomes collendo ó outro dun brazo cun aquel de valentía que me chegou adentro. O Bocas, co aquela mistura, tan propia dil, de darse conta das cousas e de brincarlles por enriba coas súas arroutadas, propuxo:

— «Temos que acabar os cartos que nos quedan. É de mal agoiro saír de esmorga e voltar pra a casa aínda que somentes sexa cunha rafa de diñeiro. Conque, ¡a seguila!»

— «Mirade… Eu iría convosco», díxenlles, «pro non aturo máis ista door dos pés que me voltou co frío. Todo está fechado i eu non podo andar eisí dun lado pra outro… De tal modo que me va des a disimular pro, xa que estou tan perto, voume pra a casa de mi madre…»

— «Aló ti», falou o Bocas, «pro eu dígoche que si che botan a mau enriba… Estou certo de que xa todo se correu pola vila, e dun xeito ou doutro… Se queredes imos ó mesón do Roxo, que coma todos os que van alí son xente de avería i o que máis i o que menos… Amais diso son coasi todos forasteiros, coma sabedes. Hoxe ten que habere moito xentío pois é víspora da feira do sete i ármase alí decote unha chirlata de arrieiros e tratantes que dura toda a noite… Se gañamos ímonos no tren das cinco pra Monforte uns días até que pase ista encalsamada, que  noutras piores me teño visto e total sempre é máis o bruído que as noces… ¿Que se determiña?»

Eu quedeime cavilando un anaco. Certamente o Bocas tiña razón. Eu estaba engaldrullado a par diles, polo menos até que non poidera falar de como socederan as cousas, tal como o fago agora, que ben se ve que non tiven culpa de ren. Ademais sabía que en canto me quedase só íame a vir o «pensamento» dun arrepente e non me podería valer porque xa eran moitas cousas as que tiña enriba de min.

— «Boeno, ¿que determiñas? Non hai que sere cagán, hom… Cando se anda entre amigos hai que deixar ire as cousas até o seu romate», dixo o Aladio, botándome a mau polos ombreiros.

— «¡Alá vosoutros! O que eu quero é estar ó quente e sacar as chancas. Conque, andando».

Esto era o que eu decía pro non era toda a verdade. O certo é que escomenzaba a estar inquedo dentro de min e quería ir a onde houbese xente e onde se armase rebumbio, e beber e beber, antes de que medrase aquelo, anque me ardesen as paredes do peito.

— «Non convén ir aínda até que estea o mesón ben cheio coa xente que vai chegando pola noite. Será de eiquí a unha hora. Agoanta un pouco e vamos por eí a facer tempo ou ver se podemos metérmonos nalgún achego».

A confianza que puña o Bocas en todo canto falaba deume azos e botamos a andar baixando pola rúa dos Fornos. O ceio estaba limpo e a friaxe metíase na cana dos ósos, que xa se vía ben que estaba pra xiada. Ó cabo da rúa atopamos aberta a churrería da Parroquia, i o Milhomes, facéndonos adiantar uns pasos, botou a manta por enriba da testa i entrou . Voltou a pouco cun par de botellas de aguardente do país. Dende o gonzo dunha porta, onde nos meteramos pra deixar paso a uns que cruzaban pola rúa da Estrela, vimos que algúns saían á porta da churrería e acenaban pra onde supuñan que tería collido o Milhomes. As cousas non andaban ben… Cando voltaron a entrar, apretamos o paso e metímonos pola rúa do Tecelán que estaba moi escura, coma se non tivese acendido os faroles. Alí démoslle un bico á pirmeira botella, tan longo que a baleiramos. ¡Boa falla nos facía, que eu, cunha cousa i outra, xa estaba pra esmorecer! Pois cando a min me vén iste desalento non son home pra ren, e somentes quérome acochar onde ninguén me vexa nen me sinta e apretar os dentes e morder os cotenos até que me sangoentan, pois doer nin me doen…

— Sí, señor, é verdade, non me dea creto… Pro cando me poño a falar dista disgracia que a min me pasa e que non lle pasa a ninguén…

Conque, a bebida botoume daquelo, coma decote, coma si estivese atado e me desatasen… Talmentes. Pro esta vegada, ademais, deume por rir sen sabere por qué. Os outros dous sen saberen por qué eu me ría, puxéronse a rir tamén, i a pouco riamos todos tres con gargalladas de tal sorte que non nos podiamos ter dereitos e andabamos collidos facendo un feixe cos brazos, i en logar de avantarmos pra diante iamos en rodopío, sin deixar de rire, coma si foramos a rebollós sen tere caído, que era cousa de moito ademirar.

Aquela adiversión meteunos tanta ledicia no corpo que nin conta nos dabamos do que iamos facendo até que nos guindaron auga enriba dende unha casa. Entón caímos na conta de que estabamos barullando máis do que conviña; e como non podiamos deixar de rir puxémonos a taparnos a boca uns ós outros, co que nos veu aínda máis gaña de rir, que xa non sabiamos qué facer pra aturala… De sócato o Bocas, que coma máis feito a estas tolaxadas endexamais se esquecía de albiscar pra arredor, dixo que había que apretar o paso, pro sen correr, porque somellaba que alguén nos viña velando meténdose nos escuros da paredes da rúa. Quizabes fosen os da churrería. Tamén falou de esperármolos e de pelexar co iles, pro eu saqueillo da chola, pois non estaba o caso pra metérmonos en novas falcatruadas.

E sen sabere cómo, atopámonos na rúa do Istituto. Ó lonxe, por enmeio dela, víase vir vindo un municipal, a paso vagaroso. A rúa estaba alampada de luar e non podiamos atravesala sen sere ollados. Conque fúmonos deixando ir, dun en fondo, apegados á parte sombriza, i ó chegar frente ó adral da eirexa de Santa Eufemia, vimos que estaba aberta e metímonos nela coma ratos…

O altar maior locía todo aceso de candeas, que moito me chamou a atención que a tales horas da noite isto socedese. Estaban aló, a carón, dúas ou tres ducias de cabaleiros, pois mulleres non se vían, todos axoenllados, e ouvíase o besbellar dos rezos a pouca voce, e todos moi xuntos e rezando a eito, coma si estivesen botando unha ladaíña, desas das misiós ou das rogativas… Eu non sabía cómo trepar co raio das chancas ferradas pra que non fixesen estrondo nas laxes. Un daqueles cabaleiros algo debeu de apercibire porque se voltou pra abesullare, pro xa nós estabamos acochados tras dunhas colunas, descontra un confesonario.

Nestas, renxeu un pouquiño a porta e vimos ó municipal, que por certo era o tío Sardiña, metía o morro un pouco, pro non pasou de eí. Anque non nos podía ver onde estabamos, por si es caso metímonos no confesonario no mesmo istante en que de novo nos tentaba aquela fodida risa. O tío Sardiña fitou un istante e logo foise, arrimando a porta a modiño. Ficamos un pouco sen saír, agardando a que se alonxara por si lle daba por voltar a meter os fuciños, e mentrestanto encetamos a segunda garrafa da augardente que estaba tan baril coma a primeira e que somellaba tere algún engado co aquel seu xeito de pornos tan ledos.

— «Istes son os que lle din da Adoración Noturna, que rezan somentes de noite», dixo o Milhomes que a sabía toda.

Dempois dun pouco, asomámonos a axexar pra vere si era o istante de podermos saír. E foi eí cando nos asegundou a condanada da risa, pro esta vece con boa causa, pois vimos que todos aqueles cabaleiros xa non estaban axoenllados senón coasi debruzados, coas nádegas erguidas e as cabezas baixas, coasi rente ó chao, botando todos xuntos unha cántiga coma si a rosmasen polo narís.

O Milhomes foi o pirmeiro que escomenzou a ceibar aquela risiña de soleta que, como xa facía un bo anaco que a estaba aturando, subiulle de seguida a cacarexo. E coma si o seu riso fose quen pra abrirse o cachón dos nosos, ¡sandiós!, aquelo foi un esboiro de gargalladas que até me deu un ponto nas illargas que non me deixaba alentar; i un pouco co rir i outro pouco coa bebida, cuasi non atinabamos coller pra o lado da porta. E por si fose pouca toda esta pirdición, o Bocas, que entre as súas animaladas tiña sona de peidorreiro, ó chegar perto da porta, botou un dises seguidos que arrematan cun estrondo, con perdón da súa cara…

— Déixeme rir, señor, que algo adivirtido me tiña que vir ás mentes polo entremeio de tantas cousas feias e tristeiras desa noite do carafio.

— ¿E que máis feitos quer, señor? Os feitos son istes, un por un e tal coma socederon. O romate diles foi porque outras cousas foron pasando denantes. Se non tiveran pasado, o romate sería doutro xeito do que foi. Porque a verdade é que cada cousa que faciamos non era das que se fan decote nas esmorgas, que ó fin todas son cousas de adiversión e trastadas que teñen remedio… Nós iámolas facendo de tal xeito coma si as fixeramos sen darnos conta, ó menos polo tocantes a min, pra que logo non tivesen remedio, coma quen vai fechando portas tras de si e guindando  coas chaves, coma pra non querer voltar, tal coma si adrede camiñaramos á nosa pirdición.

— No tocante ós «autos», coma vostede me enseña, pois a pouco andare, logo que saímos da eirexa, parámonos un anaquiño a ceibarnos daquela risa que nos abafaba, e logo fumos a dare á Fonte do Rei onde mexamos na pía, con licencia de vostede. E foi nesas, e cóntoo pola importancia que dimpois tivo o caso, cando o Bocas se puxo a falar co que tiña na mau con premiso da súa cara, decíndolle, con moito agarimo, «que non se ía a ire de baleiro», «que non había romate de esmorga sen muller», «que tivese pacencia», i outras parvadas polo estilo, que a min até me daba vergoña ouvilas de beizos dun home feito e direito, anque un ten que comprender que a bebedela trai estas cousas.

Conque, foi eí onde o Bocas voltouse a acirrar naquela vértola de que tiñamos que ire de novo a vere á belida dona misteriosa do señor de Andrada… E nin eu nin o Milhomes fomos quen pra tirarlle da croca somellante tolemia, pois xa sabiamos que o Bocas era eisí, vertolán coma un pequecho, e cando algo se lle metía na cachola tíñao que facer anque metese nelo a vida; porque, eso si, home destemido non conecín outro á par dil.

— Está ben, si señor. Será coma vostede dispoña, con tal que me deixen eiquí e non me leven ó coartelillo. ¡Eso si que non… !

— Non lle fai… Anque tivese que morrer de fame. Ademais, maldito o apetite de comer que teño… Si aínda fose un groliño de tinto, pra me alentar un pouco…

— ¡Moitas gracias, señor, moitas gracias!

Deixar uma resposta

O seu endereço de email não será publicado. Campos obrigatórios marcados com *