Documentación

Cando eu era aínda moi rapaz, seguíase a falar do caso entre as boas xentes de Auria, cibdá onde nascín e onde as cousas ocurriran. O caso contábase de moitos xeitos pro todos viñan a casar no final, que decote era o mesmo.

Dempois, cando ía pra mozo e dei nesta teima de escribir, falei coas xentes de aquel tempo, pergunteille a uns e a outros, furguei nos papeis e lin os vellos boletís locaes que atopei, amoreados i en desorde, un pouco comestos dos ratos, no faiado do Casino de Caballeros. Iste era o centro de xuntanza dos «forzas vivas» e dos comerciantes maragatos que, por seren todos iles afervoados xogadores de mus e de tresillo, falláballes a paixón polas crónicas locaes capaces de trocárense en historia ou en literatura; i estaban, polo mesmo, privados de toda propensión a calisquer ordeamento coleicionista que fose máis aló das súas contabilidades i espedientes.

Un meu tío, que fora «ministro» do Xuzgado —no seu tempo chamábaselle co iste magoante nome ós aguaciles— endexamais quixo, ó menos, dun xeito eispontáneo, falarme do caso, aínda que era, sen dúbida, o que máis sabía dil entre os sobreviventes. Pro mentres fun rapaz non quixo decirme ren, e dempois fun vendo que lle sobraba razón. Somentes cando me viu mozancón asisado, que andaba en tratos con libros grosos —a pesar de que os meus pais tiñan mentes de me encamiñar ó honrado gremio dos ebanistas— e a me cofear cos señorios estudantes, foime decindo, da pouco, coma quen se desfai dun capital, o que tiña visto e ouvido desta historia dos tres sonados esmorgantes, tristeirísima de seu, aínda que, ás vegadas, se contase nas tascas con rexoubeo.

Niste tempo, meu tío era xa home vedraño e marráballe a memoria, ademais tatexaba de vellez, logo de tere sido tantos anos insine paliqueiro, requerido i escoitado en roldas e tabernas. Pra arrequentarlle a carraxe e aledarlle as forzas, foron infindas as xerras de viño que tiven que lle pagar, e algún que outro resolio nas seráns de friaxe, e levalo moitas tardes á raxeira do sol pola carreteira da Granxa, cuias tascas, arrecendentes ó bo morapio do país, minoraban as melanconías dos xubilados. Asumía eu todos estes sagrifizos porque tencionaba facerme coa parte viva dos sucesos que os papeis procesaes, coa súa prosa adurmiñada e as súas consabidas terxiversaciós, non me daban dabondo ou que as pantesías, xa tradicionaes, nos relatos do pobo, me daban en demasía.

Tamén tiven que me valer do Tijeradeoro, que era un xastre, fillo doutro xastre, compañeiro de agulla do Milhomes, a quen o leitor conecerá de contado e colleralle —supoño eu, que neso hai difrenza de gostos— xenreira pra toda a vida. Polo visto o pai diste segundo xastre, xa de vello, non facia máis que falar do asunto. Contábao dunhas vinte ou trinta maneiras, asegún o humor que o acometese no seu desenrolo; pro decote cun entusiasmo tan persoal e afervoado coma si en troques de tere sido contemporao, sinxelo contemporao coma tantos outros que facía xa meio século —pois no meu pobo a xente vive con teima inacabábel— asistiran ós sucesos, tivese sido un dos principaes protagonistas. Por todo esto, tales testemuñas de segunda mau —aínda que mellor sería decire de segunda agulla—, tívenas por dabondo sospeitosas, por sobexamente imaxinativas e miudallentas, como decote pasa coas testemuñas dos xastres que se doen da minuciosidade ornamental e do preciosismo sedentario propios do seu oficio.

Conque pillando deiquí e daló e cavilando pola miña conta, ó traverso dos caraiteres entreollados, púxenme agora a escribir esta crónica, a coasi corenta anos de tere recollida tan lene documentación e a noventa dos sucesos mesmos. De este xeito, será doado que se resinta dalgunhas chatas no tocantes á verdade ouxetiva, coma decote pasa coas fórmulas realistas ás que este escrito se axusta conscentemente, ademetindo, por adiantado, o seu autor, os normaes aldraxes e vilipendios que de tal decraración poidan seguirse.

Deixe uma resposta

O seu endereço de email não será publicado. Campos obrigatórios marcados com *